Friday 26 de April de 2024

Inicio da cuarta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia


Un total de 28 veciñas e veciños participan dende a tarde do 22 de setembro na cuarta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia. Trátase do programa de democratización do coñecemento dirixido a veciñanza maior de 50 anos impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que na Pobra se desenvolve en colaboración coa Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

O primeiro dos coloquios tivo lugar na tarde de onte da man de Pedro Pablo Campo Díaz con O sistema solar e a Vía Láctea. Regresará no día 24 con José Ramón González Vidal para unha observación astronómica nocturna.

José Manuel Vázquez Lijó impartirá neste día 23 o seminario Revisando a historia dende unha perspectiva local: o patrimonio industrial e as memorias da experiencia laboral no estudo da modernización das vilas costeiras de Galicia nos séculos XIX e XX, que se complementará no día 30 cunha visita ao Museo Anfaco da Conserva, en Vigo.

E no día 27 será a quenda de Laura Touriñán Morandeira con Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa Historia da Música Clásica Galega que terá continuidade na xornada seguinte.

Os temas a abordar constan dunha sesión práctica e outra teórica, transcorrendo esta última no Auditorio do Museo Valle-Inclán.